26/05/08

Roteiro polas Bibliotecas Escolares (V): O IES Alexandre Bóveda



Acta, informal, do acontecido a mediados de maio en Vigo e arredores:


O comité de recepción (Beni) na porta principal. O señor director no recibidor. O xefe de estudos pendente da nosa chegada. Que ben saben facer as cousas no IES Alexandre Bóveda de Vigo. Como se esmeran cando son visitados-inspeccionados polo inspectores de bibliotecas escolares.


Os GBI (A nosa biblioteca, Biblioafonso e O Segrel do Penedo) tivemos insistentes chamadas para visitar a biblioteca deste centro de Vigo. Mesmo tivemos que pospoñer outra visita xa concertada con anterioridade. Que nos quería amosar Beni? Cal era a razón da súa insistencia?
No recibidor do centro xurde, desde o século XIX, Xulio Verne. O globo dalgunha das súas famosas novelas sobrevou as nosas cabezas. Todo o que se pode expoñer sobre o autor francés, incluso a noticia da súa presenza en Vigo, está amosado na completísima exposición que enche de vida os corredores do Alexandre Bóveda. Traballo de moitos meses reflectido nas paredes.
Pero, onde estaba a biblioteca?


Por fin, tras múltiples explicacións sobre a colaboracións dos departamentos (magnífico polbo realizado por Cristina de plástica) e os contidos da exposición, conseguimos entrar na biblio. Mais, que é unha biblioteca? un almacén de libros ordenados, tan só iso? Sofás, ordenadores, televisor, canón de vídeo, dvds, revistas e libros, moitos libros nun espazo atractivo e agradábel. Polo tanto, se xulgáramos a calidade dunha biblioteca pola utilización que dela fan os seus principais destinatarios (o alumnado) o IES Alexandre Bóveda, conta cunha extraordinaria biblioteca. Biblioteca que non só ten un curruncho para Xulio Verne senón que tamén ten un zombi, si, si, un auténtico zombi para animar á lectura e á busca de información. Ai se o seu traxe falara!!!

Tras a inspección, degustamos?, devoramos? un suculento guiso de peixeno restaurante Camineira en Aldán acompañados por todo o grupo da Biblio. Foi unha comida ben agradábel na que rimos e falamos de libros, dinamización, Bibliotecas Escolares, reivindicacións...

E despois da comida que? Unha viaxe na que quedamos abraiados coa beleza desta ría e impactados coa fermosura do conxunto arquitectónico de santo André de Hío. Difícil será superar a calidade da acollida recibida polos GBI. Quen se atreverá a organizarnos a seguinte inspección deste grupo despois da visita a Vigo-Aldán?

Grazas Super Beni, Sara, Cristina, Paco... a nosa primeira saída oficial fóra da provincia da Coruña tivo un resultado excelente.

Que se vaian preparando por Monforte!!!



Outros Roteiros

IES de Arzúa


CEIP Milladoiro-Malpica

CEIP José Cornide (A Coruña)

IES Uxio Novoneyra (A Coruña)

Tamén nos outros GBI Blogues

A Nosa Biblioteca

O Segrel do Penedo

20/05/08

Acto poético-musical co gallo do Día das Letras Galegas



A iniciativa dun grupo de alumnos e alumnas de 1º curso de Bacharelato e coa colaboración do Equipo de Normalización e Dinamización Lingüística, tivo lugar no Salón de Actos do IES. o venres 16 de Maio, víspera do Día das Letras Galegas un recital poético acompañado da escoita de algunhas pezas musicáis.

Os alumnos e alumnas recitaron textos de Castelao, Celso Emilio Ferreiro, Manuel María, Miguel Hernández e Xosé Mª Álvarez Blázquez, a quen este ano se dedica o Día das Letras.

Así mesmo, poidemos escoitar poemas de diversos autores (Rosalía, Curros, Cunqueiro, ......) musicados por outros tantos cantantes e grupos (Deus Ke Te Creu, Fuxan os Ventos, Luís Emilio Batallán, Amancio Prada e Lamatumbá )

O acto contou coa asistencia de numeroso público, que encheu o Salón de Actos e aplaudíu longamente as intervencións.

Queremos, por último, manifestar o noso agradecemento e aplauso a todos os alumnos e alumnas participantes a darlles o noso ánimo e apoio para repetir a experiencia en vindeiras ocasións.

19/05/08

Exposición: Castelao. Debuxos de negros


Na xornada anterior á celebración do día das Letras Galegas, a biblioteca "O bosque animado" inaugurou a exposicón Castealo: debuxos de negros. Son unha ducia de láminas que veñen introducidas polo seguinte texto de Domingo García -Sabell:


Alfonso Daniel Rodríguez Castelao –sinxelamente, Castelao para nós os galegos- foi un grande artista creador, e un ilustre patriota, que nace una pequena vila mariñeira de Rianxo, nas Rías Baixas, en 1886.

A súa vida percorre en dous ritmos contrarios. Un, lento, tranquilo, de traballo cotián, no medio natural, Galicia, que comprende aproximadamente o lapso de tempo entre 1909 –primeiras exteriorizacións da súa arte de debuxante- e 1936. O segundo, moi axitado, inquedante, ateigado de loitas, esperanzas e morriñas, vai dede 1936 deica 1950, no cal ano, un 7 de xaneiro, finou una cidade de Bos Aires. O desacougo persoal de Castelao neses catorce derradeiros anos non impediu, máis ben facilitou, pola virtude da súa distendida carga espiritual, o florecer de novas caras da súa arte.

Os debuxos de negros, feitos en Cuba e en Norteamérica, en 1939, son sen dúbida unha das expresións máis verdadeiras, e máis patéticas, da creatividade do artísta
.” Domigo García-Sabell (1970)


16/05/08

Antonio Reigosa no instituto


O mércores, día 14 de maio, estivo dando unha conferencia o escritor Antonio Reigosa no salón de actos do centro.

Falou nun primeiro momento do concepto de literatura oral, facendo unha contraposición entre as historias da súa infancia e as actuais. Salientou tamén a necesidade do seu coñecemento como resposta ás inquedanzas que o home xera na súa aprendizaxe vital. A seguir, centrouse nas novas tecnoloxías e no seu papel difusor de lendas urbanas. Pediu a colaboración do alumnado para comentar algunhas delas, o que lle serviu para destacar as características do conto oral tradicional e para lembrarlles aos rapaces/zas a importancia de recoñecer o que nos rodea.

Por último, referiuse á lenda da hidria da igrexa románica de Cambre, un exemplo cercan a eles/as de lenda tradicional. Tamén mencionou a páxina web
www.galiciaencantanda.com onde encontrarían máis información e mesmo concursos relacionados con lugares emblemáticos da xeografía galega.
Nun ambiente distendido os rapaces/zas dialogaron co conferenciante, constituíndo a mellor testemuña de que unha manifestación literaria con miles de anos de antigüidade pervive na sociedade actual, aínda que con outro vestiario.

9/05/08

Cumprimos un ano!!!

Parece imposible. Biblioafonso xa ten ou o seu primeiro ano. Semella que foi aínda onte cando Antonio Alonso trataba de convencernos e explicarnos para que servían os blogs e como facelos. Grazas á xenerosidade de Loly Lago, varios docentes do IES Afonso X Sabio puidemos acudir a unha (logo sería catro) xornada de formación no IES de Fene. E desde entón ... sen parar.

Novidades, cambios no mobiliario, exposicións, guías de lectura, concursos, formación de usuarios e usuarias, educación documental, recomendacións de lectura, de películas, de música, de páxinas webs, música na biblioteca, actividades de formación para o equipo docente da biblioteca, compartir a nosa experiencia con outros centros que visitaron o noso, traballos colaborativos, clubs de lectura...

E todo co obxectivo de “enganchar” ao alumnado. Conseguímolo? Sabemos que a súa opinión, a dos que veñen pola biblioteca, é positiva. Pero estamos empezando. Hai moito traballo por facer tanto entre o profesorado, as familias e o alumnado.

E sempre xuntos neste camiño de aprendizaxe permanente, sempre compartindo e aprendendo cos outros blogs da bibliotecas escolares galegas e con outros blogs persoais e colectivos que tamén abordan o tema da lectura. O mellor deste camiño é o de facelo xuntos.

5/05/08

Abril, mes do libro (VIII): recomendacións de lectura de ciencia ficción

Tamén, e dentro das actividades relacionadas con "Abril, mes do libro", elaboramos unha guía co material bibliográfico sobre ciencia-ficción que temos na nosa biblioteca e, para orientar mellor aos lectores, agrupámolo en seis apartados:

Precursores: Aquí incluímos a Frankenstein, a primeira novela de monstros, froito da imaxinación romántica de Mary Shelley, e as novelas de viaxes fantásticas a mundos inexplorados ou lugares inaccesibles (Viaxe ao centro da Terra, 20.000 leguas de viaje submarino, Da Terra á Lúa, Viaje alrededor de la Luna de Verne, ou El mundo perdido, de Conan Doyle…)

CLÁSICOS: Dedicamos este espazo ás creacións de H. G. Wells, de cuxa prodixiosa mente xurdiron O home invisible, La isla del doctor Moureau, La guerra de los mundos e un dos exemplos máis xenuínos de novelas de viaxes intertemporales, La máquina del tiempo; e a Aldous Huxley, autor de Un mundo feliz, cuxos habitantes son procreados in vitro a imaxe e semellanza dunha cadea de montaxe...

IMPRESCINDIBLES: Tres libros que non podes perder se queres sacar o master en ciencia-ficción: Solaris de Stanislav Lem, Crónicas marcianas de Ray Bradbury (colección de 25 relatos curtos onde se describe como sería a futura colonización de Marte por parte dos seres humanos) e Fundación, primeiro título da serie das fundacións do xenial Asimov.

ROBOTS: apartado fundamental para os amantes da cibernética e a ciencia (Relatos del piloto Pirx de Lem, Amigos robots de Asimov…)

XUVENIL: lecturas lixeiras e amenas para que os máis novos iníciense no tema como Los piratas de la mente de Patricia Miles, Les detectives de l´espace de Danièle Bourdais, Señales de otro mundo de Mónica Hughes, dous títulos de Muñoz Puelles (2083 e o didáctico El viaje de la Evolución), Gauditronix e En un lugar llamado Tierra de Sierra i Fabra, El enigma N.I.D.O. de Fernando Lalana, La trilogía de los trípodes, Return to Earth, La bola de fuego, Tierra a la vista de John Christopher, adaptacións das cinematográficas Jurassic Park ou de Men in black… e mooooitos máis.

BANDA DESEÑADA: Apartado que non podía faltar e do que a nosa biblioteca ofrece interesantes títulos: para os incondicionais do xénero, El garaje hermético de Moebius e Watchmen, A. Moore; o clásico Hergé con Tintín. Obxectivo: a Lúa; e para os máis pequenos, Astro. Valente explorador de Javier Olivares.


3/05/08

Abril, mes do libro (VII): as mochilas viaxeiras



Tamén en abril, a biblioteca "O bosque animado" puxo en funcionamento "As mochilas viaxeiras" entre o alumnado de 2º da ESO.

Cada mochila contén un libro sobre a educación ou a adolescencia, destinado aos pais; dúas novelas, para a nai-pai e outra para o alumno/a; dúas revistas; un cedé de música e unha película en deuvedé.



Foi tal a demanda, cando expusemos o prexecto entre o alumnado que tivemos que ampliar o número de mochilas en funcionamento. Xa nos están chegando de volta as primeiras cuns comentarios positivos por parte das familias.